Espalla!

A Alternativa Canguesa de Esquerdas foi invitada pola Marea Marín a participar neste sábado no acto programado polos dous anos da iniciativa popular.

A Marea Marín, vén de facer un inmenso traballo no concello, representando, como dixo Sandra Pesqueira na apertura de dito acto “á veciñanza de Marín, aos que non forman parte do círculo privilexiado da Sra. Ramallo”. Un acto atacado por fascistas que só querían boicotear o que queriamos dicir, o que queriamos berrar aos catro ventos: basta xa de caciques no pobo de Marín.

O acto, acompañado por referentes da unidade popular como Lídia Senra, Xosé Manuel Beiras e o actual voceiro de En Marea no Parlamento Luís Villares; deu remate coa brillante intevención de Senra, a cal nos alertou sobre as consecuencias da política votada en Europa: a catástrofe da política leiteira ou a vergonza do decretazo da estiba. A estiba…ese sector ao que criminalizan os das multinacionais, os do PP, eles atrévense a chamarlle xs traballadorxs da estiba “privilexiados”, cando queren vender os portos, os nosos portos, ás multinacionais.

A Alternativa Canguesa de Esquerdas, presente mediante o concelleiro Mariano Abalo e membros da coalición, aplaudiu o traballo da Marea Marín e anima ás compas da comarca a seguir nesta liña para seguir crecendo na vila; quedan dous anos para botalos! A loita continúa!