Espalla!

O acto, que terá lugar ás 20h na Alameda Vella de Cangas, consistirá na presentación da candidatura para as vindeiras eleccións municipais, así como a exposición dos puntos principais do programa electoral.

Alternativa Canguesa de Esquerdas presentará a súa candidatura este venres ás 20h  na Alameda Vella de Cangas. Nela tamén darase a coñecer a equipa construída de cara a revalidar a alcaldía da vila; unha equipa integradora e de maioría de mulleres, que apostarán pola xustiza social, o feminismo e o ecoloxismo como elementos transversais de todas as medidas que se propoñen no programa.

Ademais, contaremos coa proxección dunha presentación onde explicaremos polo miúdo o programa electoral; un total de 8 puntos desenvolvidos coidadosamente para facer de Cangas unha vila de progreso. Propostas apoiadas por un proxecto previo que ten en conta o orzamento dispoñible e a capacidade de inversión. Con este programa falamos de medidas realistas e factibles: non vendemos fume.

Falaremos pois, de benestar social, de deporte, de emprego, de mocidade, de turismo, lecer e cultura, de medio ambiente, de servizos públicos e de urbanismo. Sen deixar atrás o apoio aos movementos sociais e a reivindicación da xustiza social en diferentes eidos aínda non sendo competencia do concello.

Invítase a toda a veciñanza a asistir a este acto de presentación e a participar con todas as aportacións e dúbidas que queiran expoñer ás participantes da nosa candidatura.

Imos coa Alternativa Canguesa de Esquerdas para #SeguirMellorando!

Espalla!