Espalla!

Dende Alternativa Canguesa de Esquerdas destacan a importancia desta equipa polo seu carácter interxeneracional, con maioría de mulleres e onde o feminismo será transversal en todas as súas políticas.

Alternativa Canguesa de Esquerdas vén de presentar esta mañá á cabeceira da lista que se presentará nas vindeiras eleccións municipais. Xosé Manuel Pazos, actual alcalde da corporación preséntase a reelección, ao que lle acompaña o histórico cangués Mariano Abalo no posto terceiro.

Porén, a gran novidade vén da man da activista social Victoria Portas, ex-voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e membro da plataforma MODEPEN. Pontevedresa afincada en Cangas, fai unha aposta clara na súa integración en ACE, onde aportará ideas novidosas e especial sensibilidade coas inxustizas económicas e sociais.

Tamén fai parte desta equipa Maite Villar, traballadora social -con recoñecido percorrido en Aspamsim e no cárcere de Teixeiro e A Lama- que levará consigo ao concello a igualdade e o feminismo; a inclusión de todas as persoas na vida municipal e pública; a participación cidadá; fórmulas que, dentro das competencias municipais, axuden a crear tecido comercial e de proximidade na nosa vila. Sen esquecerse da mocidade, parte fundamental do noso pobo que precisa espazos públicos onde ser e estar.

No quinto posto integra a lista Aurora Prieto, moi involucrada co tecido social e veciñal de Pinténs (O Hío) e recoñecido rostro da Asociación de mulleres da Escola Vella de O Hío. Con toda a súa vida dedicada á atención ás nosas persoas maiores, apostará claramente por unha atención ao servizo do fogar digna e de calidade; así como por unha maior partida orzamentaria no eido social que mellore a calidade de vida de toda a veciñanza de Cangas.

Conforman a lista Adrián Pena Rey, bombeiro do consorcio provincial e recoñecido activista na loita pola recuperación dos servizos públicos como é o dos bombeiros provinciais. Lucía Carballo García e Mela Gil, ambas traballadoras da limpeza, un sector feminizado e empobrecido. O noveno posto complétao Xurxo González, xubilado e activista medioambiental; o décimo intégrao Laura Dacosta, feminista e estudante que con dezanove anos chega a Alternativa Canguesa de Esquerdas disposta a poñer enriba da mesa ós problemas da mocidade,

Dende ACE destácase a renovación dunha lista integradora, con case un 60% de mulleres, cun programa sólido e as ideas moi claras: defensa fervente polos servizos públicos, aumento da calidade no eido social, aposta pola nosa mocidade e a recuperación do noso medio ambiente. Alternativa Canguesa de Esquerdas considera que só un bo resultado para esta equipa integradora pode asegurar un goberno de esquerdas que recupere os servizos públicos para poder devolverllo ao pobo; “queremos gobernar sen hipotecas”. 

Espalla!