Espalla!
  • Alternativa Canguesa de Esquerdas vén de manter unha xuntanza con colectivos deportivos da vila, para recoller as súas demandas e presentar o programa en materia de deporte.
  • A igualdade e a inclusión no deporte puntos principais no programa que ACE presenta neste eido.

Cangas, 13 de maio do 2019.

A Alternativa Canguesa de Esquerdas mantivo unha xuntanza cos colectivos deportivos para presentar o programa que ACE quere levar adiante nos próximos catro anos.

ACE propón a creación dun organismo municipal de deportes de cara a xestionar todos os espazos deportivos con maior eficacia, así como a supervisión de ditas instalacións e aumentar a produtividade das infraestruturas. Despois da xuntanza cos colectivos detectouse unha deficiencia en mantemento e conservación, que sumado á falta de recursos humanos polo plan de axuste, fan necesarias medidas urxentes.

Dito organismo xestionaría entre outras, as pistas de atletismo; onde tralas achegas dos clubs desta modalidade deportiva propoñemos a elaboración dun proxecto de recuperación e mellora das pistas e instalacións, así como o cambio na política de conservación e mantemento.

Outras instalacións serían os polideportivos e pavillóns municipais, os campos de fútbol do Kenyata e do Monte Carrasco, que precisan herba artificial; a pista de skate, que a pesar das últimas reformas, faille falta un acondicionamento do espazo, así como promover competicións locais deste deporte.

Dende ACE preténdese que deporte, medio ambiente e turismo vaian da man; xa que fai falta un turismo desestacionalizado, respectuoso co medio ambiente e saudable.

Deporte dende a igualdade e a inclusión

ACE propón a execución de dous programas; por un lado ‘Cangas en feminino’ de cara a promover o deporte feminino a través de cláusulas sociais e discriminación positiva na aportación de axudas, bolsas e subvencións. Por outro lado, ‘Cangas pola integración’; xa é hora que as persoas con diversidade funcional participen en todos os deportes.

Piscina municipal

ACE continuará co obxectivo de municipalizar a piscina municipal para conseguir catro propósitos: aforrar para reinvestir, principalmente en materia enerxética; solucionar os problemas estruturais; optimizar a xestión do servizo aumentando as quendas e o reaxuste de cotas para persoas en situación de exclusión social. Por último tamén se busca a mellora das condicións laborais do cadro de persoal de cara a unha conciliación da vida laboral e familiar, todo elo precedido pola creación dunha dirección de xestión das instalación deportivas.

Espalla!