Espalla!

Sen dúbida este mes é fundamental na reivindicación da memoria histórica en Galicia e tamén no Morrazo. As homenaxes sucédense, e durante uns días volven poñer o acento na necesidade de reparo ás vítimas do fascismo. Na propia concepción do golpe militar, planificouse a eliminación física dos e das opoñentes, o terror e o espolio como arma contra a poboación. O Morrazo formou parte da resistencia a ese golpe militar e sufriu a consecuente represión pola importancia do seu movemento obreiro. Unha represión que ao longo do mes de agosto de 1936 enchería de sangue as cunetas. Torturas, execucións, violacións, campos de concentración … Violencia política que continuaría durante a longa posguerra e como parte da ditadura ata 1977 e incluso da Transición.

O traballo de recuperación da memoria de asociacións como a AC Memoria Histórica 28 de agosto de Cangas é fundamental e algo que recoñecer. A investigación histórica e a difusión que se levan a cabo dende este tipo de asociacións, segue sendo a peza fundamental para a dignificación das vítimas. En Marín a reivindicación da figura de Carmen Pesqueira A Capirota, eventos en campos de concentración como a illa de San Simón, os mestres republicanos asasinados do Morrazo ou a masacre do 28 de agosto en Cangas. Cada ano, con cada acto, conséguese que os seus nomes non se eliminen da historia. Pero aínda fai falta un maior recoñecemento público e institucional do conxunto da sociedade e especialmente proxectos pedagóxicos dirixidos ás novas xeracións. Construír unha sociedade dende a minimización ou mesmo desde a negación da súa historia só leva á ignorancia e ao mantemento da infamia.

Memoria, verdade e xustiza que ata 80 anos despois aínda non son reais. Un sistema político actual que segue consentindo os restos de Franco. Casos como o Pazo de Meirás, o propio Val dos Caídos ou que os xuízos franquistas aínda non se anulan. Por todo isto dende Alternativa Canguesa de Esquerdas propoñemos a necesidade dunha memoria histórica e social para Cangas. O recoñecemento dos e das súas protagonistas, investigación académica e coñecemento para a mocidade

Benjamín Gutiérrez Huerta (Membro da Asemblea de ACE).