Espalla!

Cando era nena, unha das cousas que máis me gustaba facer era acompañar a miña avoa a comprar: ir á leitería de Sra. Maruja que tamén era taberna, á tenda de Sisilito, a polo pan á de Rosa…

Lémbrome de moitos negocios que había no pobo: Vilerma, a dos caramelos; o quiosco de Montero, a zapatería de Querido, Moreno o fotógrafo, o bar Moderno e os bocadillos de luras que preparaba a nai de Juan e José, a churrería de Ana que aínda hoxe sigue na brecha…e lémbrome tamén de que sabían de memoria quen era filla de quen, quen casara, quen morrera, e de que non esquecían preguntarche como estaba a túa nai, ou si teu pai xa volvera do mar.

Persoas todas elas ás que coñecíamos e nos coñecían, ás que saudábamos e nos saudaban polo nome de pila.

Pasaron moitos anos dende aquela e moitas cousas cambiaron. Porén, o que non mudou é que o tecido empresarial segue a estar maiormente constituído por pequenas e medianas empresas; unhas froito da falta de emprego, outras porque hai quen prefire traballar para si mesma. En calquera caso, son as que máis persoal contratan, e tamén ó mesmo tempo as que máis sofren a crise ó non poder negociar coas mesmas condicións que as grandes empresas. Son valentes en tempos revoltos.

O comercio de barrio enriquece a vida diaria, establece relacións próximas, crea ambiente, mantén viva a identidade dun pobo, contribúe na seguridade e na limpeza das rúas. Non hai nada máis triste que ver un barrio sen comercios, un barrio do que as persoas deciden mudarse para ter máis preto os servizos necesarios, un barrio que día a dia vaise degradando.

Cando investimos no negocio local, estamos a investir en nós mesmas. O beneficio redistribúese en favor de toda a veciñanza, contribuíndo así á prosperidade económica do noso entorno, ó benestar común e ó aumento da calidade de vida. A proximidade é saudable, respectuosa co medio ambiente e facilita a vida de determinados colectivos que polas súas características non terían acceso e reciben nestes espazos un trato directo e familiar que agradecen.

Cada comerciante coida con mimo o seu produto, ofréceche calidade e confianza, aconséllate, sabe exactamente o que queres e precisas, e pon todo da súa parte para que quedes satisfeita e volvas. Con ese mesmo mimo deberíamos tratalos nós, apoiando ó sector nas súas reivindicacións: leis que os amparen, axudas e subvencións, e sendo conscientes do relevante papel económico e social que xogan.

Nas grandes superficies non é habitual atopar artesáns, marcas ou produtores locais. Porén, o comercio de barrio avoga en moitas ocasións por comercializar produtos deste tipo xa que coñecen a quen os fai e como os fai, e iso é un valor engadido, é garantía de calidade.

Potenciar o mercado Km0 é coidar da nosa xente, do noso entorno, da nosa saúde. Apoiar ós produtores locais é darlles a oportunidade de aumentar os seus ingresos e favorecer o emprendemento de novas iniciativas. É protexer o medio no que vivimos ó reducir as emisións de CO2 derivadas do transporte, ó aforrar no uso da enerxía (ciclo natural), e ó non precisar de sistemas de envasado ou embalaxe. É coidar da nosa saúde fronte ó consumismo e o caos no que vivimos.

Maite Villar Suárez

Espalla!