Espalla!

Por Maite Villar: Concelleira de Servizos, Enerxía e Turismo

Luns. 9:00h. Agardo polo autobús que me leva cara o traballo. 

Vexo achegarse a unha rapaza que me pregunta se podo indicarlle cal ten que coller para chegar á estación de autobuses. Contéstolle que cara aló vai o SN2, e a rapaza dáme as grazas e pídeme por favor se lle podo avisar cando o autobús chegue. A miña resposta é SI.

Quédome pensando en que todos os días queixámonos por milleiros de cousas: traballo moito, gaño pouco, teño que desprazarme, está chovendo… todo son inconvenientes, nunca estamos a gusto. E fágome unha pregunta: e se aínda por riba fora en cadeira de rodas, ou fose cega ou xorda? A resposta é simple: imaxino que sería peor aínda.

Por sorte, camiño, vexo, escoito… porén, hai moitas persoas que non, hai moitas persoas que por circunstancias diversas teñen no seu día a día unha verdadeira carreira de obstáculos. E son inconvenientes que as veces teñen unha doada solución, como poñer son nos semáforos para persoas cegas. 

No caso da rapaza da que falo anteriormente, se a pantalla onde nos indican o tempo que tardará un autobús, dispuxera de audio que dixera cara onde vai e anunciase a súa chegada, a súa autonomía sería maior.

Máis a inclusión non se refire só a persoas con discapacidade, senón que recoñece e vai da man da diversidade. Todas as persoas teñen habilidades e capacidades propias, distintas ás dos demais, polo que cadaquén precisa dunha resposta diferente.

A inclusión busca fomentar e garantir que cada persoa forme “parte de”, e está nas nosas mans traballar en pro de que todas as persoas, sen distinción, teñan as mesmas posibilidades de participar en igualdade de condicións.

A diversidade, sea física, psicolóxica, social ou cultural non é un problema, senón unha oportunidade para enriquecer a sociedade na que vivimos, a través da participación en todos os aspectos da vida.

Sen aceptar as diferenzas de cada persoa, xamais lograremos ser unha sociedade que funciona coma equipa. Debemos comunicarnos dende o verdadeiro afán de entendemento, respecto e vontade de comprender os diferentes comportamentos, preferencias, opinións… se queremos ser unha sociedade máis xusta e equitativa.

Cambiemos a mirada, non sigamos adiante como se nada ocorrese, non lle poñamos límites a unha vida que xa de por si é bastante complicada.