Espalla!

O alcalde de Cangas vén de solicitar un informe de secretaría para estudar a legalidade da Pass Vigo e do aparcadoiro que Caballero quere facer só para cidadanía viguesa.

Pazos declarou que a cidadanía canguesa non “vai ao Cunqueiro de vacacións, nin para pasar o día ao sol, senón por necesidade, por un tema de saúde”. O alcalde tamén anunciou que estas guerras localistas non son do seu agrado pola demencia da proposta, máis se aínda se defende a área metropolitana de Vigo, e “aínda máis se finalmente este aparcadoiro é construído con cartos da Deputación de Pontevedra”.

O alcalde non dubidou en tomar cartas no asunto se este problema non se arranxa, e non descartou, nun ton desenfadado, establecer medidas como cobrar á veciñanza de Vigo por aparcar nos accesos ás praias do noso litoral. Pazos advirte a Caballero que deixe de entrar en guerras localistas, e pídelle que recapacite, pois, apuntou “non me gustan nada este tipo de liortas localistas, pero non me vai tremer o pulso para defender á veciñanza de Cangas”.

O concello de Cangas non descarta acudir ó contencioso administrativo para que adopte as medidas precisas cautelares e que suspendan a posta en marcha da Pass Vigo.