Diante do Pleno da Corporación Municipal de Cangas que se vai celebrar o próximo luns día 11, ACE quere deixar claros os seguintes puntos:
1.- O noso total apoio á proposta da equipa de goberno de abrir un expediente de inicio de carácter resolutorio con respecto ao contrato do ciclo integral da auga en función dos presuntos incumprimentos esenciais enunciados no devandito expediente.
Non pronunciarse e non actuar nos faría cómplices e responsables de calquera incumprimento recollido no expediente de inicio.
2.- Relacionado co punto anterior é perfectamente normal e mesmo obrigado que o Concello garanta ter o asesoramento necesario para supervisar e esixir a mellor calidade dun servizo tan vital como o abastecemento, o saneamento e a depuración. Nesta dirección, valoramos que a empresa pública Emalcsa cumpre perfectamente o obxectivo de facer o seguimento do funcionamento da empresa concesionaria.
3.- Da mesma maneira, avalamos a proposta tamén do equipo de goberno de levar adiante a aprobación dos pregos e a licitación que permita que Cangas poida acometer un proxecto de eficiencia enerxética que nos dote dunhas instalacións máis seguras, eficientes, con maiores garantías medioambientais e cun maior aforro económico.
A maiores tamén porque é a única maneira segura e viable para acometer unha actuación que cumpra as normas esixidas pola UE e que permita un investimento económico factible e inmediato e sen repercusións económicas para a veciñanza de Cangas.
4.- Convidamos á veciñanza canguesa a acudir e participar no Pleno do vindeiro luns para que o debate público permita expoñer os argumentos que cada grupo municipal defende e para deixar moi claros os argumentos que defende o equipo de goberno.
Cangas. 11/09/2017.