- Alternativa Canguesa de Esquerdas vén de manter unha xuntanza con colectivos de comerciantes para expoñerlle o programa en materia de emprego e de dinamización comercial.
- Xuntanza produtiva cos colectivos de cultura onde ACE aposta pola dinamización, visbilización e potenciación da cultura “feita na casa”.
Cangas, 15 de maio do 2019.
A Alternativa Canguesa de Esquerdas mantivo unha xuntanza cos colectivos de comerciantes e culturais para dar contada información sobre esta materia no programa de ACE.
Reivindicación da cultura “feita na casa”.
ACE aposta firmemente por potenciar a cultura como un ben público ao servizo da cidadanía, e para isto apoiará como o fixo sempre a creación e divulgación dos bens culturais producidos en Cangas por persoas do municipio.
Ademais, existe un compromiso firme pola potenciación dunha programación cultural estable tanto no auditorio como noutros espazos culturais. Isto supón o máximo pulo para manifestacións artísticas que nos identifican como pobo e que ademais, sitúanos no mapa cultural, falamos de eventos como a Mostra Internacional de Teatro Cómico Festivo, Festivais de Música e Danza como o Canjazz ou as Xornadas Etnográficas do Morrazo, Semana de Cine, Salón do Cómic ou a celebración histórica “A Defensa da Vila. María Soliña” entre outras.
ACE continuará co obxectivo de municipalizar a piscina municipal para conseguir catro propósitos: aforrar para reinvestir, principalmente en materia enerxética; solucionar os problemas estruturais; optimizar a xestión do servizo aumentando as quendas e o reaxuste de cotas para persoas en situación de exclusión social. Por último tamén se busca a mellora das condicións laborais do cadro de persoal de cara a unha conciliación da vida laboral e familiar, todo elo precedido pola creación dunha dirección de xestión das instalación deportivas.
Produto local e reactivación económico-comercial.
ACE presentoulle ó tecido comercial o plan de reactivación económico-comercial, un plan que contempla a participación activa dos axentes comerciais; así como a aposta polo plan peonil que reviva o comercio cangués a través de fórmulas sostibles. Ademais dende ACE apóstase polo produto local e de quilómetro cero, o que suporía un aforro en CO2, transporte e fomentaría a produción ecolóxica e de proximidade.
Fomento da empregabilidade
ACE é consciente das poucas competencias que o concello ten nesta materia, mais no programa proponse a creación dunha bolsa de emprego xestionada polo concello; a xestión de convenios laborais con empresas locais, fundacións e asociacións que usen espazos municipais; fomentar a oferta pública sempre que a Lei Montoro nolo permita; reforzo das funcións da axencia de desenvolvemento en materia de formación, información e orientación. Os talleres de emprego e a innovación empresarial son dous dos puntos que ACE quere resaltar e pór a funcionar.
Por último ACE considera que as pequenas e medianas empresas do pobo hainas que potenciar. Para iso apóstase pola eliminación de cláusulas abusivas nas licitacións que coarten a posibilidade de presentación de empresas máis pequenas fronte ás multiservizos que todas sabemos como funcionan.