Espalla!

Alternativa Canguesa de Esquerdas manifesta o seu total apoio á folga feminista convocada para o día 8 de marzo; animando a todas as traballadoras, asalariadas ou non, a parar e colgar as súas ferramentas de traballo. Dende ACE consideramos que, por desgracia, neste día aínda queda moito que reivindicar, e nada que celebrar.

Aínda queda moito que avanzar, proba disto son as verbas lanzadas polo Partido Popular dicindo que a folga feminista é “elitista e insolidaria”; isto mentres o goberno ao completo non acudía ao debate da Lei de igualdade retributiva, esencial para paliar a brecha salarial que condena ás mulleres a traballar gratis máis dun mes ao ano.

Como diciamos aínda queda moito que avanzar; pois os homes teñen demasiado que desaprender respecto ao que lles ensinou a sociedade patriarcal dende hai tantos anos. Os homes, que dende ACE consideramos que teñen que apoiar esta folga no lugar que lles corresponde, teñen que deixar ir todos os privilexios que lle viñeron dados. Non hai escusas. Os homes teñen que deixar de ser aliados do machismo para converterse en aliados feministas de todas as compañeiras que se deixan a pel cada día. O machismo, tan arraigado en nós, é difícil botalo, máis é cuestión de vontade; recoñecer os erros machistas e remedialos é o primeiro paso para derrubar ao monstro.

Todas e todos temos que comezar usar as lentes lilas; esas lentes tan incómodas, que fan que ao final do día acabes canso ou cansa de escoitar e ler barbaridades ou de percibir todo tipo de violencias contra as mulleres.

Este día queremos reivindicar os dereitos das mulleres, mais non só hoxe, senón todos os días. Queremos que se avance, que deixemos de ser unha sociedade do século XV para converternos na sociedade do século XXI. Unha sociedade que deixe de confundir o que significa feminismo, unha sociedade que deixe de ver ás mulleres como inferiores ou débiles. En definitiva, unha sociedade no que o 50% deixe de dominar ao outro 50% restante. O 8 de marzo, nós imos, porque xa abonda. Basta xa.