Espalla!
  • A Coordinadora de ACE decidiu convocar para o próximo venres unha asemblea aberta para decidir unha postura firme con relación a situación dos servizos públicos e os pasos a seguir de cara ao cumprimento dun programa coherente.

Concretarase o debate e a toma de decisión sobre os seguintes servizos:  ciclo integral da auga, recollida e tratamento do lixo e piscina municipal.

No caso do ciclo integral da auga o PP asfixiou ao Concello cun contrato a 25 anos cunhas tarifas abusivas -que están provocando brutais reclamacións económica- e cuns investimentos practicamente nulos. O Concello ten aberto un expediente de declaración de nulidade do contrato porque de forma intencionada alterouse a oferta da empresa para garantirlle maiores ingresos no contrato asinado polo anterior alcalde, a maiores tamén vai proseguir o expediente de resolución culpable contra a empresa concesionaria.

No caso do lixo, o contrato finaliza, despois dunha prórroga dun ano, o 30 de abril, razón pola que tanto o Concello como a Mancomunidade deben definir, máis alá da propaganda política, si se aposta pola recuperación do servizo ou se en cambio prefírese que siga en mans privadas, e mesmo aclarar cal é a proposta para unha liña de reciclaxe que xere un retorno económico na vía da economía circular que cumpra as directivas da UE.

Finalmente no caso da piscina cun contrato xa finalizado é fundamental acreditar a viabilidade da prestación do servizo podendo adiantar que o Concello conta cuns primeiros datos que permiten avanzar que conta con capacidade como para afrontar o servizo unha vez que se defina unha clara folla de ruta.

Pola importancia destes temas e polo impacto que ten na economía municipal e na atención e prioridade que significan na calidade de vida da veciñanza canguesa animamos a participar na toma de decisión pública sobre este asunto pois de nada vale elixir representes públicos que logo non defendan intereses colectivos e sociais.