Espalla!

·  Dende Alternativa Canguesa de Esquerdas destacan un programa no que prima a transversalidade, de cara a desenvolver nos vindeiros catro anos unha política de igualdade, participación, integración e inclusión, onde toda a veciñanza se sinta parte imprescindible do motor que impulse esta vila.

·  O programa pode consultarse integramente en  http://bit.ly/ProgramaACE2019 e destacan o uso da linguaxe inclusiva en todo o documento.

Cangas, 10 de maio do 2019.

Alternativa Canguesa de Esquerdas vén de facer público o seu programa aberto seguindo a cita de Castelao “Non lle poñas chatas á obra namentras non se remata, quen pense que vai mal, que traballen nela, hai sitio para todas.”. Dende ACE destácase pois, que isto non é o remate dun traballo programático, senón un inicio; e agárdase por todas as aportacións, críticas e suxestións dos colectivos e veciñanza desta vila.

ACE vén de elaborar un resumo do programa completo: as propostas básicas e urxentes para #SeguirMellorando.

No relativo á benestar, destacan o Plan Integral contra a Discriminación e a pobreza; en canto ao deporte a creación dun organismo municipal de deporte que optimice e xestione todas as infraestruturas deportivas, así como a municipalización da Piscina A Balea. En relación ao emprego proponse un plan de reactivación comercial así como a aposta polo produto de proximidade e a bolsa de emprego. En mocidade apóstase pola creación e impulso de espazos de lecer e creatividade nas Naves de Ojea. En turismo, lecer e cultura apóstase por unha promoción turística sostible, desestacionalizada e respectuosa co medio ambiente, a posta en valor da memoria histórica e o reforzo das actividades culturais entre outras.

Alternativa Canguesa de Esquerdas destaca que medio ambiente e servizos públicos van intimamente ligados, e pularase pola recuperación, protección e conservación dos espazos naturais, a creación de zonas verdes, a eliminación de invasoras e a defensa e posta en valor dos montes veciñais en man común. Respecto ós servizos públicos hai un compromiso fervente pola eficiencia enerxética, contra o cambio climático, pola xestión directa do ciclo integral da auga e da xestión do lixo instaurando o modelo de economía circular.

No perante a urbanismo e facenda apostarase por un plan de mobilidade peonil, seguindo os pasos dados xa na lexislatura, un urbanismo con perspectiva de xénero e a potenciación e coordinación dos medios públicos de transporte. ACE destaca a redución á metade da débeda nestes catro anos e aposta por continuar nesta liña de cara a poder saír do plan de axuste; o que permitiría a contratación de persoal, a creación da empresa pública e a recuperación dos servizos.

Dende ACE animan a toda a veciñanza e colectivos que queiran facer unha suxestión, crítica ou aportación sobre o programa que envíen un correo a espalla@alternativacanguesadeesquerdas.gal así como tamén por mensaxe privado nas súas redes sociais.