Espalla!
  • O concelleiro de urbanismo asegura que a ningunha persoa decente de Cangas se lle pode ocorrer que se vaia xestionar a UA-27 sen o consenso do grupo de goberno; e menos se calquera proposta non vai na dirección de defender o interese público como prioridade absoluta.

Dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas, a sistemática, provocadora, falsa e difamatoria do PP contra o concelleiro do urbanismo son unha constante que ten como único obxectivo conseguir a máxima da propaganda nazi: unha mentira mil veces repetida convértese en verdade; por iso é necesario deixar claro quen é Sotelo e a que xoga o PP.

A gran verdade de Massó

A única verdade que non se vai tapar por moito que o PP o intente difamando ao concelleiro de urbanismo do goberno actual, é que foron eles, o PP de Sotelo quen asinaron un convenio urbanístico en 2004 que rematou na Audiencia Nacional por evidentes indicios -por non dicir probas de delito-, proceso que aínda hoxe segue en marcha e por riba o Concello de Cangas ten unha débeda de case dous millóns de euros con Residencial Marina Atlántica, que por desgraza non os vai pagar Sotelo e os seus bos xestores senón o pobo de Cangas.

Unha modificación puntual

Con moito esforzo e loita, o pobo de Cangas conseguir tombar o PXOM; foi no 2006 cando Sotelo e os seus colegas do PP levaron adiante unha modificación puntual para salvar o pelotazo urbanístico en Massó. Afortunadamente o escándalo estaba tan destapado que morreron no intento.

Todo isto non é unha invención nin da Alternativa Canguesa de Esquerdas nin da concellería de urbanismo, pois está todo documentalmente acreditado, constando nas actas municipais. Casualmente non hai absolutamente nada que acredite as barbaridades do PP que acusa á actual concellería de urbanismo. Ao contrario, a Alternativa Canguesa de Esquerdas se incorporou diante da Audiencia Nacional para acreditar información destas artimañas do PP; onde tamén presentamos un documento que acredita a implicación de Sotelo e de Gómez Millán -exconcelleiro de urbanismo-  na trama de Massó, e nos reservamos a opción de facer este documento público se a asesoría xurídica así nolo aconsella.

Dende a Alternativa Canguesa de Esquerdas temos claro que a ningunha persoa decente de Cangas se lle pode ocorrer que a xestión da UA-27 se vaia dar sen o consenso do grupo de goberno, e moito menos considerar calquera proposta que non vaia na dirección de salvagardar o interese público como prioridade absoluta. Polo demais, a equipa de goberno, xa ten decidida que Massó vaise ordenar de acordo co PXOM, independentemente do modelo de xestión urbanístico que se considere máis conveniente para Cangas.

Para rematar, dende Alternativa Canguesa de Esquerdas, que nada temos que esconder, para que esta ou calquera outra polémica, xa se trate de núcleos costeiros, centros comerciais -lembrámoslle ao PP o caso Mercadona-, infraestruturas sanitarias ou calquera outro tema como o de Massó ou Aldán, retámolos a un debate público, aínda que xa sabemos que a súa covardía e desvergoña llo impiden, que dean a cara e non se escondan e notas falsas e acusacións desesperadas polo medo que teñen a non poder vivir e corromperse coa política.