Espalla!
  • As mulleres de ACE veñen de reivindicar esta mañá a súa presencia nas institución, co firme compromiso de acadar un concello gobernado por mulleres diversas, diferentes e plurais.

Xoves, 16 de maio do 2019

Victoria Portas, candidata número 2 da Alternativa Canguesa de Esquerdas vén de reivindicar coas súas compañeiras da lista un goberno de mulleres. Portas deixou claro que “queremos unha vila para as mulleres, que teña en conta as nosas necesidades e que nos escoiten cando berramos alto”.

“As mulleres chegamos para quedarnos, non entendemos a vida social e municipal sen a nosa presencia” apuntou Maite Villar.

O colectivo feminista de ACE vén esixindo o dereito á participación de mulleres nas institucións; así como a promover a entrada de mulleres novas que non vexan coartadas as súas ganas de participar na vida política do noso concello por motivos laborais ou familiares.

Dende ACE destácase o 60% de presenza feminina non só nos dez primeiros postos, senón en toda a candidatura. “Isto debe ser unha carreira de fondo, as mulleres debemos involucrarnos cada vez máis, empoderándonos en todos os eidos sociais, mais especialmente nas institucións: nós queremos decidir e gobernar” engadiu Victoria Portas.

Villar fixo fincapé neste último punto, pois “queremos unha vila inclusiva e igualitaria; non podemos seguir sendo as que non teñen voz, as que non deciden, por iso berramos alto que as mulleres chegamos para mudalo todo, para gobernar sen hipotecas e para seguir mellorando”.

Victoria Portas concluíu que “sendo feministas somos tamén ecoloxistas, antirracistas, antifascistas e pulamos polos dereitos sociais, os dereitos humanos, a xustiza democrática. Fixemos un programa onde o feminismo atopámolo de maneira transversal en todas as áreas, agora querémolo pór en marcha”.