- O obxectivo destas medidas é minguar o efecto chamada do bo tempo aos areais e a outros espazos moi concorridos da vila .
- Dende o Concello lémbrase que este venres pasaremos a nivel medio, polo que tomaranse todas as decisións precisas para frear os contaxios.
O edil de mobilidade Adrián Pena, vén de reunirse coa alcaldesa Victoria Portas, a concelleira de turismo Aurora Prieto e o xefe da Policía Local Alberto Agulla para decidir como proceder trala densidade de xente que se prevé nas vacacións de Semana Santa. A policía local elaborará un plan de control para vixiar estes espazos con restricións, facendo un gran esforzo debido ó número de persoas que integran o cadro de persoal.
Pena aposta polas medidas que no seu día tomou o alcalde Xosé Manuel Pazos, limitando o acceso rodado á contorna das praias rurais do noso municipio; aínda que isto non implica a limitación do acceso aos areais.
Por tanto, todas as persoas empadroadas en Cangas, que teñan unha segunda residencia na vila, persoas aloxadas en hoteis ou casas rurais e clientela de establecementos hostaleiros das zonas de restricións; terán acceso rodado. O obxectivo non é outro que evitar aglomeracións en tempos de COVID19.
Regulación das autocaravanas
Por outra banda, na xuntanza celebrada hoxe, tamén se tratou a necesidade de regular a convivencia con estes vehículos; que nas últimas semanas abarrotaron aparcadoiros como Nerga ou Donón.
O edil de mobilidade aposta polo regulamento e non por prohibir ou limitar a liberdade das autocaravanas, pois considera que “prohibindo non se finalizará co problema; debemos buscar solucións que dean resposta a este conflito”.
Entre as propostas, buscarase a de habilitar unha área gratuíta para autocaravanas que dispoña de servizos como auga potable, baleirado de augas grises e negras e zona de picnic.
Adrián Pena lembra que este tipo de turismo é un turismo de calidade que é benvido en Cangas, pois é un turismo desestacionalizado que acode todo o ano e non só en época estival. “Debemos velo como unha oportunidade e non como unha debilidade, é un turismo atractivo que debemos fomentar pero dunha maneira regulada e ordenada”.
Concellería de mobilidade