- O Concello de Cangas vén de asinar un convenio coa Deputación de Pontevedra para formar parte desta rede.
- O obxectivo é impulsar a bicicleta como aliada da mobilidade sostible nos municipios.
- Cangas terá acceso gratuíto ao BiciRexistro grazas á súa adhesión aos Concellos Ágora no último pleno.
Cangas, 20 de marzo de 2021
Trala adhesión ao Plan Ágora, Cangas vén de adherirse á Rede de Cidades pola Bicicleta grazas a un convenio entre a Deputación de Pontevedra e os concellos que formamos parte do Plan. O obxectivo deste proxecto é impulsar a bicicleta como un modo de transporte prioritario, xunto coa mobilidade peonil.
Na xuntanza co deputado provincial delegado de Mobilidade Uxío Benítez, participaron o concelleiro de mobilidade Adrián Pena, a alcaldesa Victoria Portas e a Policía Local; vendo todas as partes como “moi positiva” a proposta do ente provincial.
Dita Rede ten por obxecto xerar dinámicas para facilitar, facer máis segura e desenvoler a circulación das persoas usuarias da bicicleta especialmente no medio urbano.
Un dos beneficios para os ‘Concellos Ágora’ é o acceso gratuíto ao chamado BiciRexistro, un sistema estatal de control de bicicletas que conta coa participación dos concellos, policía local, DXT e xestores administrativos. Isto permitirá asociar un número de rexistro a unha bicicleta e un bastidor por medio duns vinilos cun código QR. Isto suporá unha especie de ’matrícula’ que permite a identificación e recuperación máis sinxela das bicicletas rexistradas en caso de roubo; xa que se calcula que ata un 20% de persoas usuarias sofren nalgún momento o roubo da súa bicicleta. Dita ferramenta terá dúas persoas usuarias principais; por un lado dirixidas ás bicicletas máis novas de alto importe económico e por outro persoas que adquiran unha bicicleta de segunda man ou que teñan unha bicicleta vella sen identificar, desta forma poderán demostrar a súa propiedade.
Dende o Concello dáse así un paso pequeno, pero non menos importante, cara unha mobilidade máis sostible. O obxectivo a medio prazo é conseguir unha Cangas accesible en bicicleta; coa mellora dos espazos seguros para as persoas usuarias e do propio carril-bici, algo que se estudará dende a área de mobilidade e policía local.
Concellería de Mobilidade