Espalla!

É a primeira vez que fago un comunicado dende o falecemento de Pazos. Quixen manterme sempre á marxe deste espectáculo público por respecto tanto á figura de Xosé Manuel Pazos como ao pobo de Cangas;  foi por iso que decidín non pronunciarme ata agora.

Con este comunicado gustaríame aclarar varios puntos:

A lista electoral de ACE foi elaborada, elixida e aprobada pola asemblea conformada non só por persoas ligadas a EU ou a Anova, senón tamén moitas outras independentes sen militancia política, como é o meu caso -tanto nas eleccións do 2015 como nas de 2019-; proba disto é que a asemblea sempre foi aberta sen pedirlle o carné a ninguén. Esta candidatura foi presentada a unhas eleccións onde a veciñanza de Cangas votou democraticamente, converténdose na lista máis apoiada da esquerda.

 

PACTO

Non existe nin existiu o pacto ao que fixeron referencia estes días os compañeiros de EU; este tema nunca se tratou nin nas coordinadoras semanais de ACE nin nas propias asembleas, polo que nin as persoas que conformaban a lista de ACE nin as persoas da propia asemblea tiñan coñecemento deste presunto pacto.

EU, manifestou na última xuntanza celebrada o sábado, que este pacto foi tratado entre dúas persoas de forma individual, non vou a entrar na veracidade destas conversas privadas; só deixar claro que este tipo de pactos ou conversas non entran dentro dunha organización asemblearia -onde ten a mesma voz e voto un cargo público electo e un militante de base-.

ACUSACIÓNS

Nestes días sufrín varias acusacións, que quero aclarar pola gravidade das mesmas.

O coordinador de EU Cangas acusoume de que no propio funeral de Pazos estaba arranxando papeis dentro do Concello, isto é mentira, de feito non puiden asistir á súa despedida por cuestións laborais.

Paréceme de moi baixa categoría usar a memoria de Xosé Manuel Pazos para atacarme de maneira persoal e política. Eu só asistín ao Concello en dúas ocasións sempre requirido polo propio secretario como así dita o procedemento. Isto aconteceu exactamente igual cando a compañeira Maite Villar tivo que dimitir por problemas de saúde, e colleu a acta a seguinte persoa na lista, a compañeira Aurora Prieto. A entrada de Aurora no Concello non se levou a asemblea porque todos dimos por feito que debía ser ela quen collese a acta por ser a seguinte na lista.

Por outra banda, quíxose vincular a miña actividade sindical coa CUT para seguir alimentando este escarnio público; tendo que verme forzado a desculparme con este sindicato sen ter eu nada que ver con estas noticias.

DIMISIÓN

En canto ao tema da miña dimisión, dende o meu punto de vista dimitir, dimítese por algún acto ilícito que rachase a confianza do pobo de Cangas, nunca por un tema partidista ou por cotas de partido. Proba disto é que na anterior lexislatura ante a posible dimisión dunha concelleira de ACE onde se daba por feito a miña entrada no goberno, eu manifestei nunha asemblea que renunciaría á acta por un tema obxectivo; naquel caso por unha cuestión de perspectiva de xénero, xa que xa había no concello tres homes, estando eu disposto a renunciar por principios feministas en favor da compañeira Aurora Prieto, que nese caso era a seguinte detrás de min na lista.

Para min foi moi triste coller a acta de concelleiro sabendo que ía valorarse a miña dimisión. A valoración pasaba por unhas desculpas públicas que ata o de agora non chegaron. Na xuntanza con EU celebrada o sábado, o que saco en limpo son principalmente dúas cousas; por un lado que o suposto pacto ao que facían referencia era entre dúas persoas -xa aclarado arriba o que significa unha organización asemblearia-, e por outro lado que nunca pediran a miña dimisión.

Chegados a este punto, teño que resolver dunha forma definitiva este asunto. Quero dirixirme á veciñanza de Cangas para dicirlles que continuarei coa miña acta de concelleiro por compromiso e lealdade como non podía ser doutra forma; así, quero agradecer aos centos de persoas que me apoiaron nestes momentos difíciles. A miña intención é compatibilizar o traballo co cargo público sen ter liberación, prescindindo o tempo que lle podo dedicar á miña familia para destinalo ao ben común.

A partir de agora, o único que quero facer é poñerme a traballar que é o que realmente demanda a veciñanza de Cangas; dende o compromiso e o amor que sempre lle tiven a esta vila.

 

Adrián Pena Rey