- O edil renuncia á media dedicación para destinala á nova área, o que suporá uns 14.000€.
- A nova concellería nace co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos animais, así como establecer unha comunicación continua e fluída con protectoras e asociacións.
- Adrián Pena adianta que unha das primeiras propostas será crear a mesa de benestar animal, co fin de poñer ideas e proxectos en común.
Cangas, domingo 7 de marzo 2021
Adrián Pena, ademais das concellerías de Mobilidade, Participación Veciñal, Patrimonio e Normalización lingüística, tamén será o responsable da nova área de protección e benestar animal. Pena afirma que foi un eido ao que nunca se lle prestou a suficiente atención e no que cre imprescindible comezar traballar canto antes. Para isto, Adrián Pena, que vén de renunciar á súa media liberación, e dedicará esa partida á nova concellería, co obxectivo de aumentar o orzamento da área e levar adiante proxectos máis ambiciosos.
O edil de ACE afirma que “o primeiro que debemos levar adiante é a mesa de benestar animal, onde estean presentes a protectora de animais, colonias canguesas, policía local e outras asociacións relacionadas cos animais, onde tamén estean representadas as persoas propietarias de mascotas de Cangas. O obxectivo desta mesa é levar adiante ideas e proxectos en común; así como coñecer as necesidades e suxestións destes colectivos”.
Pena tamén quere revisar o número de praias ás que se pode acceder cos cans, aumentando o número de areais se fora posible; ademais o obxectivo será equipar ditos espazos con fontes, duchas e bebedoiros para as mascotas. Para isto adianta que fará consultas medioambientais por se puidese haber algunha contraindicación respecto á flora e fauna das praias.
Ademais, estudarase a creación dun censo municipal de animais de compañía, revisando o regulamento actual para incluír esta nova medida. Por outro lado, buscarase fomentar, a través das sendas locais, o turismo canino, poñendo en valor os nosos montes en compañía das nosas mascotas.
O concelleiro da área, tamén pretende a construción dun espazo canino de xogos e axilidade, para aumentar as localizacións de socialización das mascotas, dando así un paso adiante no compromiso co benestar animal. Dito proxecto estudarase en base á asignación económica que reciba a nova área nos orzamentos que se presentarán proximamente.