Dende Alternativa Canguesa de Esquerdas percibimos como insólito que se estea a coartar o dereito a decidir con fórmulas que recordan ao fascismo.
Vimos presenciando nestas últimas xornadas, actos de verdadeiro esperpento político. Unha guerra constante contra Catalunya por parte do Estado que non se entende como unha loita xurídica senón como unha cuestión política e reaccionaria.
Ameazas, detencións, multas e sancións; humillacións cara un país que queren tratar como suxeito menor de idade para que non exerza a democracia plena nas urnas. Dende Alternativa Canguesa de Esquerdas manifestamos o noso maior rexeitamento a estas fórmulas aplicadas polo Goberno do PP, amparado por outros suxeitos que semellan estar máis cómodos noutra época anterior ao 1975, onde non existía debate político, nin discrepancias, nin nacións nin partidos.
Observamos un avance do autoritarismo fronte ás liberdades dos pobos, un autoritarismo que está sendo avalado non solo polo poder lexislativo senón tamén polo executivo e xudicial.
Cando as ferramentas dun sistema impiden a democracia e as urnas, estas deben ser mudadas para acadar o dereito a decidir dos pobos; rachar o caduco para avanzar.
Por iso, dende Alternativa Canguesa de Esquerdas, queremos manifestar o noso firme e máximo apoio a Catalunya e ó dereito a decidir, dignamente, o futuro dos pobos. Condenamos enerxicamente as detencións, ameazas e sancións a axentes da política catalá por parte dun Estado que utiliza a represión como defensa dos de sempre.
20/09/2017