Espalla!

Nos últimos días vimos de coñecer o absoluto desastre que fixo a Xunta en canto a mobilidade e transporte público na nosa vila. Estamos especialmente indignadxs; pois despois de facer todo o que estaba na nosa man dende as responsabilidades no concello, practicamente non nos fixeron caso; e non foi por non aportar alternativas, enviar alegacións e solicitar reunións.

Dende ACE queremos transmitir á veciñanza toda a información da que dispoñemos deste conflito:

En principio, a liña que pasa por Coiro vaise repoñer nos próximos días, pois segundo os responsables de mobilidade foi un ‘erro’ que van a arranxar entre os dous e os catro días posteriores a hoxe. O alcalde transmitiu o malestar da nosa vila, pois parécenos indignante que a veciñanza teña que quedar incomunicada e sen transporte público durante dous días. Ademais, Xosé Manuel Pazos amosou a súa desconformidade sobre as formas; pois nin se deu aviso algún nin a persoas usuarias nin a responsables do concello.

Nunha primeira reunión con data 2 de agosto do 2017, o subdelegado transmitiu que o venres chamarían para informarnos sobre o asunto do transporte, algo que non se fixo finalmente até o luns 7 de agosto; no que só nos dixeron o ‘erro’ da liña de Coiro, así como que ‘estudiarían’ a liña Cangas-Pontevedra; pero non se pronunciaron ao respecto da liña de Vigo.

O alcalde, Xosé Manuel Pazos Varela esixirá nos vindeiros días que manteñan a liña a Vigo como até o de agora e ademais se amplíe ao Cunqueiro. Dende ACE tamén apelamos ao Sr. Sotelo, o cal dixo no pleno de xullo que non ía haber alteración algunha das liñas de transporte que son competencia 100% da Xunta de Feijóo; e no que el non mediou absolutamente nada, a oposición tamén debe defender á veciñanza fóra de siglas partidistas. 

Dende ACE consideramos que o que se está a facer dende a Xunta é destruír o transporte público en favor de empresas amigas como AUDASA, aumentando a vía rápida e investindo milleiros de millóns en facer autoestradas e amplialas para fomentar o uso do vehículo privado en detrimento do transporte público; que é máis barato e menos contaminante. Non percibimos por parte da Xunta intención algunha de promover o uso público dos transportes, ao revés, camiñamos cara atrás, Galiza e Cangas continuarán incomunicadas, sen unha rede de cercanías que poida conectar as nosas vilas.

Pazos informará decontado á veciñanza en canto teña máis información e anuncia mobilizacións que estarán respaldadas polo concello se dito conflito non se soluciona. Dende Cangas non imos resignarnos nin imos agochar a cabeza.

A continuación deixámosvos as alegacións feitas dende o Concello no seu día polas distinas concellerías implicadas:

 

Alegacións Transporte CANGAS by alternativacanguesadeesquerdas on Scribd