Dende a Concellería de Urbanismo, aclaran os comunicados lanzados polo PP e ASPUN deixando entrever que se está a realizar un PXOM especulativo
En primeiro lugar, a posición de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) respecto dos convenios de Massó e Aldán non variou nin un milímetro; así como con todo o relacionado coa especulación urbanística, e non o dicimos de palabrería, senón con feitos; pois o pobo de Cangas sabe sobradamente quen axudou a tombar os convenios e o propio PXOM que os sustentaba. A hemeroteca non mente e está aí para quen queira consultala; non admitimos oportunismos políticos doutros grupos para deslexitimar a loita de ACE contra a especulación urbanística.
Se o PP e ASPUN queren anular os convenios, instámoslles a que presenten unha proposta factible ao Pleno. Esta concellería está disposta a levar unha moción adiante, pero evidentemente agardando que o PP -que foi quen asinou os convenios- poña enriba da mesa os preto de 4 millóns de euros que inmediatamente reclamarán Residencial Marina Atlántica e o concursal de Promalar. O concello ten que ser consciente que o feito de afrontar esta débeda debe ligarse á mellora da economía municipal.
Dende Urbanismo non desbotamos acudir a unha auténtica consulta popular de como participativamente se referenden as propostas de xestión e solución, que en todo caso, ao entender de ACE, pasa por preservar o patrimonio ambiental e industrial.
Só persoas ignorantes ou de mala fe, poden obviar que xa hoxe en día os convenios aludidos son inviables polas modificacións legais, como pode ocorrer coa aplicación do Plan de Ordenación do Litoral (POL), sendo por tanto evidente que se está a falar non só dun problema urbanístico, senón tamén xurídico e económico, onde o tempo e as sentenzas van xogar un papel crucial.
Parece indecente que se estea utilizando un borrador inacabado, en discusión e en tramitación para atacar dende o seu inicio a redacción do PXOM. Non debemos esquecer a manobra impresentable cando se tombou e retrasou a adxudicación do novo contrato, permitindo os socios de goberno que o PP gañase unha votación plenaria que retrasou notoriamente os traballos do PXOM.
Ninguén pode ignorar que para aprobar un PXOM necesítase ter maioría de votos, así como un notable consenso social, sen o cal esta concellería nunca entendería aprobar un documento tan vital para Cangas. E así o estamos a facer mediante as xuntanzas previas á constitución do Consello Sectorial de Urbanismo cos colectivos e asociacións da vila.