Espalla!

O alcalde, Xosé Manuel Pazos Varela fíxolle entrega á conselleira de infraestruturas Ethel Vázquez dun dossier elaborado pola policía local de Cangas que recolle todas as melloras a acometer na nosa vila.

Despois de varios meses tentando acordar unha reunión coa conselleira de infraestruturas, por fin se deu a cita; foi hoxe ás 17.30h da tarde. Na xuntanza, Pazos fixo entrega a Vázquez dun completo dossier que especifica todas as necesidades en materia de seguridade viaria en Cangas.

PO-551

A estrada autonómica, pasa polo centro urbano da nosa vila, e conta cun pavimento de aglomerado asfáltico moi deteriorado, con zonas agretadas, parcheadas e incluso se detectaron afundimentos na Avda de Ourense. No informe tamén se pide redución de velocidade e mellora de seguridade viaria en pasos de peóns da Avda de Ourense e a Avda de Vigo. A policía apunta ademais do volume de tráfico que soporta o coñecido como cruce do Galas, polo que propoñen a posibilidade da instalación dunha rotonda para regular o tráfico; un proxecto que xa iniciara a Xunta en forma de borrador.

PO-315

Esta estrada está incrementando de maneira considerable o tráfico, especialmente en época estival; o que provoca as numerosas queixas -con razón- da veciñanza de Aldán. O tráfico afecta de maneira que as veciñas e veciños ven imposible saír das aldeas ou cruzar a estrada con seguridade. Ademais, as retencións soen ser quilométricas nos puntos de entrada e saída ás praias. Por iso, solicitouse que estuden a viabilidade de regulación semafórica nos seguintes cruces:

PO-315 co bario de Menduiña

PO-315 coa Baixada á praia de Menduiña

PO-315 co Peirao de Aldán

PO-315 coa Rúa David Cal

PO-315 O Viso – O Hio

Tráfico marítimo

O alcalde de Cangas, ademais, tamén aproveitou a reunión para transmitirlle a Ethel Vázquez o incordio que supón para a veciñanza canguesa a supresión do servizo de transporte da ría. Neste aspecto, Pazos esixiulle á conselleira máis coordinación para non limitar a mobilidade da cidadanía de Cangas. O alcalde pediulle un plan alternativo terrestre que se poida poñer en marcha cando o transporte da ría non poida efectuar o servizo por mor da meteoroloxía, sen alterar os horarios e a vida da xente.

Podes ver e consultar o dossier enteiro a continuación:

Proposta de mellora de seguridade viaria nas estradas de competencia da Xunta en Cangas by alternativacanguesadeesquerdas on Scribd