Espalla!
Onte o PP lanzou varias mentiras no Faro de Vigo a propósito do modelo de xestión municipal, por iso nos vemos na obriga de facer varias puntualizacións públicas.

De sobra é coñecida a estratexia do Partido Popular: mentir e embarrar para ocultar, tanto a súa nefasta xestión, como a súa posición diante da problemática dos servizos públicos. Dende Alternativa Canguesa de Esquerdas cremos que o PP ten que aclarar xa diante do pobo de Cangas e do seu electorado a que xogan e que pensan á hora de xestionar o Concello.

Hai que lembrar que foi o Partido Popular quen asinou o brutal e escandaloso contrato do ciclo integral da auga. Un contrato que lle está a costar moito ao pobo de Cangas. E foi ese mesmo contrato os que os puxo no seu sitio; se algún día recuperan algún servizo será por inconfesables intereses persoais, pois a día de hoxe non temos exemplo que comparar.

Mais o que nos impacta é ver como concelleiros do PP acusan de privatizar a representantes de Alternativa Canguesa de Esquerdas. Impacta cando o PP sabe que cando persoas de ACE tiveron responsabilidades directas, fomos quen de municipalizar o servizo da recollida do lixo non unha vez, senón dúas. E non só iso, senón que tamén impulsamos tanto a brigada de obras como a eléctrica.

É evidente que estamos unha vez máis ante outra mentira podre do PP; cando afirman que se encarecerá o gasto da factura eléctrica, cando resulta que o que se vai conseguir é pagar co aforro conseguido o cambio de luminarias; algo que vai permitir unha mellora fundamental nun servizo que hoxe é de xulgado de garda. Dende Alternativa Canguesa de Esquerdas pensabamos que non se podía mentir máis que Montoro; pero o PP de Cangas consígueo.

E nós non imos ser hipócritas, imos darlle a razón nunha soa cousa: hai prestacións que se están contratando externamente, curiosamente con empresas que tamén contratou o PP; pero para rematar con iso tamén hai que rematar co PP, xa que coas súas políticas impiden ou dificultan que os Concellos con plan de axustes poidan constituír empresas públicas. Así poderiamos deixar de externalizar certos tipos de servizos, mais teñen todo atado e ben atado dende Madrid.

Finalmente, queremos instar ao PP de Cangas a que aclaren se están pola recuperación dos servizos públicos ou en cambio están pola privatización. De todas maneiras, convidamos ao PP aos debates necesarios relativos ós servizos públicos tanto a nivel plenario como a nivel público.