Espalla!

Tralos resultados das eleccións locais do 26 de maio de 2019 os grupos políticos asinantes deste programa de goberno, fan esta proposta conscientes da necesidade de compartir unha acción común que permita que no período 2019-2023 se unifiquen criterios tendo como obxectivo mellorar as condicións de vida da veciñanza do noso Concello.

          Por todo elo, estes serán os eixos que rexerán a acción do goberno municipal durante os próximos 4 anos:

  • Consensuar ás medidas económicas que permitan saír do Plan de Axuste para recuperar a independencia económica. Procurarase a asignación e xestión eficiente, transparente e responsable dos recursos obtidos polo Concello, velando sempre polo ben común e o interese xeral.
  • Recuperación paulatina dos servizos públicos e sentar as bases para a constitución dunha empresa pública, de cara a acadar a xestión directa de ditos servizos, como fórmula que garante o bo funcionamento, con criterios de calidade e interese público. 
  • Traballar  na área de enerxía de cara a consecución da  eficiencia enerxética e a loita contra o cambio climático dende o noso concello . Fomentaranse políticas ecolóxicas destinadas a reducir os axentes que constitúen un perigo para o cambio climático e promoverase o emprego das enerxías renovables nos edificios públicos.
  • Formación Interna  tanto dos concelleiros e das concelleiras como do persoal do Concello en materia de  igualdade, lingua galega, linguaxe inclusivo, materias administrativas, etc., en colaboración con outras administracións.
  • Traballar cara eliminación da fenda dixital facilitando o acceso ao uso da administración electrónica e alfabetización dixital da veciñanza, asociacións e colectivos.
  • Inclusión na Concellería de Desenvolvemento local da área do Mar como sector económico  fundamental na vila de Cangas, e a de Medio Rural mediante políticas activas de mobilidade de terreos agrarios para poñelos a disposición das persoas que desexen dedicarse á produción agraria e gandeira, así como o asesoramento e o apoio a estas actividades, etc. Promoción dos produtos agroalimentarios locais, proporcionando ás produtoras e produtores do concello as ferramentas precisas para mellorar a comercialización dos seus produtos. Implicación do concello no fomento de grupos de consumo locais. Reforzar a inspección e control.
  • Reorganización do cadro de persoal coa elaboración da RPT, adecuando as necesidades actuais, reforzando as áreas que así o precisen e creando novos departamentos, cubrindo as necesidades cunha oferta pública de emprego.
  • Implantación dunha Plataforma Dixital de Participación Cidadá. Posta en marcha da videoacta para os plenos municipais e dun Portal de Transparencia propio para adecuarse completamente á  normativa estatal de acceso a información.
  • Impulsar e dinamizar a área de participación veciñal fomentando o asociacionismo e a participación da veciñanza de todas as parroquias na vida política e social do concello, con actividades, infraestruturas axeitadas e servizos que favorezan o desenvolvemento da veciñanza a nivel social e dinamicen o seu entorno, e coa creación dos consellos parroquiais e os consellos sectoriais necesarios por áreas de goberno municipal. 
  • Daráselle prioridade ós servizos de emerxencia social.O goberno de Cangas comprométese a exixir da Xunta mediante a creación da Mesa pola Inclusión Social, un Plan de emerxencia social para Galiza co obxectivo de paliar a grave situación de pobreza existente, con medidas efectivas de natureza económica e deseñado de forma transversal coa participación de axentes e administracións. Posta en funcionamento dun Sistema de Medición de pobreza ou exclusión. 
  • Promoveremos o envellecemento activo e saudable, incluíndo a Cangas na Rede de cidades amigables coas persoas maiores, proxecto creado pola OMS (Organización Mundial da Saúde) que busca a integración activa deste colectivo.  Implantación do Programa colaborativo, enfocado a impulsar o voluntariado e a participación social contra a soidade e illamento, e a implicar ós diferentes colectivos. Aumentar a participación do Concello de Cangas nos programas de axuda e cooperación internacional tanto de atención ás persoas maiores como á diversidade funcional, garantindo o acceso de toda a poboación a programas de inserción social e laboral, de lecer e de actividade física ou deportiva.
  • Demandar ante a Xunta de Galicia a creación dunha residencia pública, centro de maiores e Fogares de Convivencia para a terceira idade que sexa accesible para toda a veciñanza do Morrazo tendo en conta a importancia demográfica da nosa comarca. 
  • O goberno local promocionará e garantirá a continuidade das asociacións e colectivos sociais que dan cobertura ás necesidades da veciñanza e colectivos máis desfavorecidos, e exixirá unha nova política social que inclúa a provisión destes servizos de xeito público. 
  • Ampliar os programas e servizos de información e atención a persoas dependentes (Servizo de Axuda no Fogar, Xantar na Casa, tele-asistencia, transporte adaptado…), tanto municipais como convenios con entidades ou outras administracións, demandando á Xunta de Galicia as achegas económicas que lle corresponde como administración que ostenta as competencias na materia, demanda de cobertura e axilidade no seu trámite nos casos de enfermidade grave temporal, seguimento e control de inspección da situación laboral das traballadoras e traballadores destes programas cara a mellora das súas condicións laborais así como da calidade e atención prestada
  • O goberno local defende un uso alternativo do poder público de contratación. Cando sexa necesaria recorrer a ela, a contratación externa pública será estratéxica e responsábel para acadar obxectivos sociais (cláusula social), éticos (comercio xusto e responsábel) e ambientais (cláusula verde). 
  • Renomear a Concellaría de Benestar Social como Servizos Sociais, Igualdade, Feminismo e Sanidade. 
  • Incorporarase a perspectiva de xénero en todas as políticas, medidas e accións a desenvolver por parte da acción municipal. 
  • Manter e fortalecer o Centro de Información ás Mulleres (CIM) e os seus servizos de atención psicolóxica e legal, como recurso fundamental en materia de prevención e mesmo de atención directa e integral ás vítimas de violencia de xénero.
  • O Consello Municipal de Igualdade a través da Mesa Contra a violencia de Xénero elaborará e porá en marcha o Plan Municipal para a erradicación da Violencia contra as mulleres. 
  • Ruptura co patriarcado, co machismo e a LGBTfobia con políticas activas de combate á violencia de xénero e ao feminicidio. Transversalidade das políticas de igualdade e defensa dos dereitos dos colectivos LGBT.
  • Posta en marcha de actividades dirixidas á normalización, visibilización e integración plena do colectivo LGTBI en colaboración coas asociacións locais integrando o respecto a diversidade identitaria, corporal e afectivo sexual en todas as nosas políticas municipais.
  • Implementar as medidas de conciliación familiar e laboral e de loita contra a pobreza infantil coa posta en funcionamento de plans madrugas, controis de calidade de comedores escolares e prórrogas dos mesmos en verán.
  • Reclamar ás administracións superiores, uns servizos e infraestruturas sanitarias dignas para a veciñanza. Demandar ante a Xunta a mellora da atención primaria no noso Concello, a construción do Centro de Saúde de Aldán-O Hío e o Centro de Alta Resolución, e o reforzo no servizo de Ambulancia. 
  • Todo proxecto a levar a cabo en Urbanismo, obras, licitacións e compras, debe contemplar as premisas de accesibilidade, igualdade e integración ademais de criterios ambientais, éticos e sociais. Toda a sinalización urbana será igualitaria, paritaria e inclusiva  dende un urbanismo con perspectiva de xénero e ecolóxico.
  • Recuperación de toda a fronte litoral e rehabilitación e humanización dos espazos públicos con proxectos consensuados a incluír no PXOM. Realización de concurso de proxectos para deseño e desenvolvemento de espazos de alto interese. Nesta dinámica prestar unha especial atención a Massó, para a elaboración dun proxecto serio que sirva para a dinamización de Cangas e permita rematar co abandono da zona. 
  • Aposta decidida por políticas de defensa do medio e do territorio con criterios de sustentabilidade social e ambiental. Promoción dunha infraestrutura verde que enlace ríos, monte, agro e mar, promovendo un concello sustentable medioambientalmente. 
  • Elaboración e aplicación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) para o conxunto do concello, garantindo a participación veciñal no mesmo, continuando coa eliminación de barreiras arquitectónicas e recuperación de espazos públicos. A partires deste, elaboración dun Plan de trafico e uso de vías, e reforzo de alternativas mediante desenvolvemento da Avda. de Galicia e da Circunvalación como espazos abertos que conxuguen espazo peonil e ciclable. Reordenación, adecuación, mellora e ampliación dos carrís bici existentes e de nova creación.
  • Xestionar coa Xunta de Galicia e concellos implicados, un Consorcio Público do Transporte de Ría, así como a mellora da mobilidade no transporte intermodal. Apostar pola integración dos concellos e do seu transporte publico dentro das Areas Metropolitanas de Vigo e Pontevedra. Consensuar coas concesionarias e os colectivos veciñais a readaptación de horarios e rutas de transporte regular en autobús para promover o seu uso.
  • Fomentarase o desenvolvemento dun parque de Vivenda Social e a recuperación das vivendas de Espiñeira e Nazaret.
  • Recuperar o patrimonio cangués, ocupando deste xeito o papel preferente que merece o noso Concello, tendo especial en conta a industria de Massó, como referente da identidade histórica da nosa vila.
  • Xestionar a ampliación de matrícula nas Escolas Infantís. Potenciación do ensino público. Melloras na Rede de Comedores escolares, apoio ao servizo Aula Matinal e dinamización do Consello e do Observatorio Municipal da Infancia.
  • Garantir de forma prioritaria a conservación e renovación dos espazos educativos do noso municipio dentro das competencias municipais, exixindo da Xunta de Galicia a mellora e renovación dos centros de ensino publico como competencias propias da administración autonómica.
  • O papel da Concellería de Deporte implica: a xestión dos espazos deportivos con maior eficacia e cun desenvolvemento pleno para toda a veciñanza; potenciar e fomentar a participación dos axentes a través do Consello Municipal de Deportes, e supervisar ditas instalacións en pro de ampliar a produtividade das mesmas.
  • Impulsar o deporte base, promovendo vínculos entre centro educativos e clubs e promocionar as actividades dos axentes deportivos locais. Apoio os clubs deportivos femininos e fomentar a igualdade e inclusión dos colectivos máis vulnerables.
  • Mantemento e impulso das actividades culturais e artísticas que identifican o noso Concello. Potenciar unha programación cultural estable e variada, que inclúa alternativas de ocio nocturno non asociadas ó consumo de alcohol. Dar saída as manifestacións de arte na rúa co fin de mellorar o ambiente da nosa vila. Promover regulamentos e iniciativas que faciliten a programación de actividades culturais nos locais.
  • Crear o Consello Municipal da Cultura, como órgano de traballo entre colectivos e Concello para que poidan ser co-partícipes da xestión cultural do Concello.
  • Revisar e mellorar a Ordenanza Reguladora de Tenencia de Animais que inclúa a paulatina dotación de espazos públicos de esparcemento.
  • Fomento da rehabilitación fronte a construción de novas vivendas, penalizando as vivendas en estado de abandono.
  • Creación de sistemas de cooperación entre os diferentes suxeitos da economía local para a revitalización da actividade económica así como canalizar novas iniciativa económicas que fomenten a colaboración entre os distintos sectores involucrados.
  • Xeración de emprego de calidade mediante os instrumentos adecuados en colaboración con outras administracións. Participar en iniciativas e programas comunitarios de emprego e autoemprego en colaboración con entidades e concellos de ámbito comarcal, e tamén en programas de cooperación entre concellos, Xunta e Deputacións para facilitar a inserción laboral; buscar novos xacementos de emprego apostando pola creación de emprego público vinculado a servizos básicos locais para a poboación, como vía prioritaria para crear emprego estábel, e especificamente dirixido aos sectores de poboación que presentan taxas máis altas de desemprego, como son as mulleres e a mocidade.
  • O goberno municipal velará por un modelo turístico sustentábel, social, respectuoso co territorio e coherente coa visión de Cangas e Galicia como un pobo de seu, cunha historia propia, un rico patrimonio e espléndidos valores naturais, culturais e de lecer no presente que deben ser preservados coa aprobación dun Plan estratéxico turístico local e comarcal.
  • Continuar coas accións conxuntas cos grupos que xestionan fondos europeos para o desenvolvemento, nomeadamente o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-Morrazo e o Grupo de Acción Local Pesqueira (GALP) Ría de Vigo- AGuarda
  • Creación do Consello Sectorial de Turismo, onde participe o sector da hostalaría, restauración, comercio e cultura.
  • Defensa dun plan hídrico que controle dende as distintas administracións todos os recursos relacionados coa auga ( abastecementos, ríos, fontes, costa, encoros, etc) Recuperación da xestión do Ciclo Integral da Auga.  
  • Estudar, promover e consensuar coas Xuntas de Montes: unha normativa que estableza zonas de exclusión para plantacións de eucaliptos de acordo con criterios técnicos e buscando novos aproveitamentos madeireiros e outros usos do monte como son os aproveitamentos agroforestais e gandeiros como aliados contra os lumes, tendo en conta as necesidades en canto a bens e servizos da veciñanza; fomento de masas mixtas de especies autóctonas e quendas de corta longos; Plan municipal de inventariado e erradicación de especies invasoras, e a promoción dos ENIL e das microreservas garantindo a aprobación e aplicación dos planos de xestión dos espazos naturais no eido local.
  •  Neste punto, dadas as diferentes propostas ou criterios sobre o tema da compostaxe, reciclado e economía circular, cuestións todas elas que requiren dun debate máis profundo, acordamos realizar un estudo comparativo das mesmas en función de criterios de eficacia, eficiencia, sustentabilidade e rendibilidade, e traballalo conxuntamente coa veciñanza, PEMEs e autónomos.
  • Plan de pago personalizado de impostos municipais (ou plan tributario personalizado). Outra política fiscal e bonificacións no que ten que ver co pago do IBI
  • Creación do Encontro de Asociacións de Cangas, onde participen os colectivos, mostrando as súas actividades, e que se poidan xerar espazos de traballo común e sinerxías entre os colectivos.
  • O goberno municipal potenciará as actuacións apostando pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo propondo fórmulas comarcais para a xestión de determinados servizos para poder incrementar a oferta e mellorar a prestación optimizando ao mesmo tempo os recursos, baixo a premisa da prestación dun servizo público con un orzamento sostible. 
  • O goberno municipal traballará na recuperación de elementos patrimoniais materiais e inmateriais integrándoos na vida cotiá dos veciños/as a través de programas de actividades.

O futuro goberno municipal comprométese a axilizar e darlle prioridade ás medidas que só están pendentes de execución, no que resta de exercicio 2019.